Entrevista ao Presidente da Asociación Puntogal en A Nosa Terra Diario O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González, fala da participación do PuntoGal no 36º encontro internacional da ICANN en Seúl e explica o estado en que se atopa o proceso de creación de novos dominios nunha entrevista concedida ao diario A Nosa Terra (25-11-09), reproducida aquí. Manuel Vilas. A Nosa Terra. O ente que regula a Internet, a ICANN, decidirá en decembro se acepta a demanda de máis rapidez na eterna convocatoria de novos identificadores. En todo caso, a candidatura galega, o ‘.gal’, xa está preparada, segundo explica o seu presidente e secretario da Real Academia Galega (RAG), Manuel González. M. V. (A Nosa Terra): Puntogal participou na última reunión da ICANN en Seul. Adiantou a ICANN algunha data para lanzar a selección de novos dominios? Manuel González: Na reunión ICANN non adiantou nin ofreceu oficialmente ningunha data aproximada para a apertura da convocatoria. Desde a ICANN insisten en que o proceso é moi complexo e debe estar baseado no consenso entre as distintas partes interesadas: posíbeis solicitantes, usuarios da Internet en xeral, propietarios de marcas, gobernos,etc. Hai unha serie de cuestións en relación ao programa de novos dominios que aínda se están discutindo porque hai diferenza de opinións e posturas contrarias, e a ICANN quere chegar a un acordo. Teñen varias propostas sobre a mesa que analizarán nos próximos días, e unha vez identificado o camiño adecuado a seguir, anunciarán datas. Cales son as expectativas de datas que manexa Puntogal? Séguese barallando o ano 2010, pero sen ningunha data concreta nin confirmada, e PuntoGal confía en que así sexa. Con todo, cómpre ser moi prudentes coas datas, porque a ICANN tennos acostumados a atrasos sobre atrasos. Nós o que temos é que estar preparados para que, cando se abra o prazo, poder concorrer inmediatamente. Puntogal xa ten lista a súa documentación económica e técnica … Xa temos proposta para a candidatura, elaborada seguindo os requisitos establecidos até agora pola ICANN para solicitar novos dominios. Publicáronse tres versións destes requisitos en forma de borradores de “Guía de Solicitantes de Novos Dominios”, a última delas en outubro. Unha vez publicada a guía final, de ser preciso, faremos os cambios oportunos que puidese requirir esta versión definitiva. Como recibiu a ICANN os comentarios sobre a necesidade de axilizara a abertura de novos dominios? Que razóns esgrime para o atraso? A directiva e membros da ICANN comprenderon as preocupacións dos solicitantes ante os continuos atrasos porque son conscientes de que algunhas iniciativas levan anos investindo tempo e esforzos nas súas candidaturas. Pero a ICANN explica que os atrasos se producen porque deben ter en conta as necesidades de todas as partes implicadas na comunidade global de Internet e interesadas neste proceso á hora de levalo adiante: gobernos, individuos, empresas e grupos de propiedade intelectual, comunidade tecnolóxica en xeral, sociedade civil. Están recibindo presións das distintas partes, por exemplo, das grandes empresas interesadas en protexer as súas marcas. Queren asegurarse de que os novos dominios non van traer consigo condutas maliciosas (como a ciberocupación), de que se manterá a estabilidade de Internet a nivel técnico, e ver que impacto económico causará a ampliación de nomes de dominio. A secretaria xeral de modernización comentou en ANT que o Puntogal segue a ter o apoio da Xunta … É moi importante demostrar que hai consenso e unanimidade á hora de solicitar o dominio para a comunidade cultural e lingüística galega. A ICANN valora moi positivamente este apoio xa que tamén teñen en conta a opinión e intereses dos diversos gobernos. Se comproban que o Goberno non só non se opón, senón que mesmo apoia a iniciativa, a candidatura adquire máis forza, demostrando que a demanda do dominio é da sociedade en xeral: usuarios de Internet, institucións representativas da cultura e da lingua, empresas, emigración galega, forzas políticas,etc. Desde PuntoGal agradecemos o apoio decidido e sen fisuras das forzas políticas e moi especialmente a colaboración da Xunta, que contribúen á consolidación da candidatura. A ICANN DECIDIRÁ EN DECEMBRO SOBRE AS ALTERNATIVAS PARA ACELERAR A CONVOCOTARIA DE DOMINIOS En Seúl, Puntogal presentou a proposta dunha quenda rápida para algunhas candidaturas. Que proxectos se sumaron a esta petición e en que condicións sería? Antes do foro público do encontro de Seúl houbo unha reunión de representantes de candidaturas na que participaron, entre outros, os solicitantes de dominios de cidades e de dominios culturais e lingüísticos. O obxectivo era chegar a unha postura común para plantexarlle á ICANN unha vía que permitise axilizar o proceso porque hai iniciativas que levan anos traballando nas súas candidaturas. Houbo dúas propostas principais e complementarias. Unha delas consiste nunha especie de porta anticipada: abrir o proceso para todos aqueles que xa teñan preparados os informes e documentación da candidatura e que cumpran os requisitos establecidos pola ICANN. Se algunha candidatura recibira unha obxeción formal, entón a avaliación desa solicitude deteríase ata a apertura total do proceso. Cal é a segunda alternativa para evitar máis atrasos? A outra consiste en abrir unha “pre-solicitude”. Cada solicitante enviaría a ICANN información co nome de dominio que van pedir, definición da comunidade á que representaría e outros datos. Isto permitírialle a ICANN coñecer con máis exactitude a demanda económica de novos dominios, o número de solicitudes que van ter, que tipo de solicitudes se van presentar e que problemas poderían xurdir. Aceptou a ICANN algunha destas alternativas? A directiva aprobou estudar estas propostas e está discutindo de que xeito as levaría adiante, contando tamén coa opinión de todas as partes implicadas. No vindeiro mes a ICANN achegará máis información sobre estas decisións.