Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2020.- PuntoGal colaborará por terceiro ano consecutivo como patrocinador da FIRST LEGO League Galicia, que se celebrará o sábado 15 de febreiro no auditorio de Ferrol.  FIRST LEGO League, firstlegoleague.gal, é un programa internacional que promove a ciencia e a tecnoloxía entre mozos e mozas de 10 a 16 anos, a través dun desafío que os equipos deben resolver.

No desafío deste ano, CITY SHAPER, os equipos observarán como as cidades e os edificios crecen, evolucionan e cambian. Os organizadores da FIRST LEGO League invitan ós equipos a descubrir a diversión e a emoción da ciencia e a tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas mentres resolven problemáticas reais. Os equipos deseñan, crean e proban robots autónomos e operados por controladores, que deberán superar unhas probas durante o torneo.

Dentro da competición tamén hai un apartado para os máis pequenos, a FIRST LEGO League Junior, onde nenos de 6 a 9 anos presentan tamén o seu traballo.

Na edición deste ano cóntase coa participación de máis de 50 equipos entre FIRST LEGO League e FIRST LEGO League Junior, superando o récord de inscritos de 2019, polo que a organización programará sesións de mañá e tarde.

PuntoGal mantén un convenio de colaboración e patrocinio coa Universidade da Coruña para apoiar o evento, que forma parte da área de proxectos institucionais apoiados dende o dominio. Esperámosvos alí!