Santiago de Compostela, 12 de novembro 2018.-A ICANN, Corporación de Internet para a Asignación de Nomes e Números (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers), celebrou o seu 20º aniversario na reunión ICANN63 que tivo lugar o pasado mes de outubro en Barcelona. Dentro do marco da reunión  realizouse unha sesión especial chamada “ICANN@20 Years” acompañada dun cóctel para celebralo.

A Corporación de Internet para a Asignación de Nomes e Números é unha organización sen ánimo de lucro que traballa a nivel internacional, e o seu traballo é asignar espazo de enderezos numéricos de protocolo de Internet (IP), identificadores de protocolo e a xestión do sistema de nomes de dominio de primeiro nivel (gTLD) e de códigos de países (ccTLD), e tamén a administración do sistema de servidores de raíz.

Así mesmo, dedícase a preservar a estabilidade operacional da Internet, promover a competencia, lograr a representación das comunidades mundiais da Internet e desenvolver as normativas adecuadas.

Como organismo encárgase de supervisar a distribución dos identificadores técnicos únicos usados nas operacións da Internet e delegar os nomes de dominio de primeiro nivel (.gal, .eus., .cat, .es, etc).

A ICANN está gobernada por unha Xunta Directiva, diversa e internacional, que se encarga de supervisar o proceso de desenvolvemento de normas e políticas. O Director Xeral da ICANN, Göran Marby, está na cabeza do persoal das diversas nacionalidades que traballan en tres continentes, e aseguran que a ICANN cumpra co seu compromiso coa comunidade da Internet.

Máis información aquí.