Temos dúas almas. En PuntoGal traballamos sempre en dúas direccións definidas: aumentar o número de dominios e desenvolver proxectos vinculados á lingua, a cultura e á rede. Sempre en Galicia pero coa ollada aberta á nosa presenza nos organismos internacionais dos que formamos parte, especialmente a ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers).

Na última edición do Culturgal, feira na que levamos participando catro anos de maneira ininterrompida, presentamos unha colaboración co colectivo Trasno (www.trasno.gal), a comunidade de voluntarios que, dende 1999, centra os seus esforzos na localización de software en galego. En concreto, puxemos o noso gran de area para que poidamos volver a navegar no noso idioma co navegador Firefox, na súa versión 64.

Esta acción, na que contamos coa colaboración do coordinador das traducións ao galego en Mozilla, Enrique Estévez, permitiu recuperar o 100% da interface, incluindo algunhas funcionalidades que ata o momento non fora posible adaptar aos galegofalantes, como é o caso da ferramenta DevTools, importante para desenvolvedores, deseñadores ou webmasters.

Froito deste traballo obtívose unha memoria de tradución que será reutilizable públicamente, o instalador para o sistema operativo Windows, as páxinas informativas da versión e a integración do corrector ortográfico de galego na súa última versión (18.04). Traducíronse 1.795 cadeas e 13.037 palabras en 102 ficheiros. No caso da DevTools, foron 1.314 cadeas e 4.928 palabras en 40 ficheiros.

O novo Firefox, que inclúe entre as súas novas características a posibilidade de illar lapelas de alto consumo e que é ata un 30% máis lixeiro, pode descargarse dende os seguintes enderezos web: https://www.mozilla.org/gl/firefox/new/ e https://www.mozilla.org/gl/firefox/all/ . A páxina de Mozilla en galego está dispoñible en: https://www.mozilla.org/gl/ .

O espírito da nosa colaboración coa comunidade é radicalmente aberta: eles son os expertos. A intención de PuntoGal é aportar algo máis de capacidade para que os usuarios de Internet en galego poidan contar con máis ferramentas no seu idioma. Aí radica a nosa aposta por este tipo de proxectos. Se ben a iniciativa foi só un primeiro paso, PuntoGal traballa xa cos Trasno –e con outras entidades- para lanzar novas actuacións durante 2019, sempre na mesma liña de tender pontes e facilitar iniciativas.

Esta non é, sen embargo, a primeira ferramenta na que botamos unha man. En anos anteriores, en colaboración con dinahosting, lanzamos un acurtador de enderezos, denominado i.gal, e un sistema de envío de arquivos, que leva por nome velaqui.gal. Ambos sistemas están accesibles en www.i.gal e www.velaqui.gal .

Ás portas dos cinco mil dominios

O dominio está a piques de chegar aos 5.000 nomes rexistrados. Durante 2018 tratamos de fomentar a captación de novos usuarios mediante campañas nas que reducimos considerablemente o prezo do .gal. Esta é a nosa segunda alma. En concreto, a última campaña, que fixemos durante a Coruña Mobile Week, permitiu mercar un dominio por só cinco euros. Campañas semellantes a esta fixéronse ao longo do ano e seguiran realizándose en 2019.

De feito, durante o mes de febreiro, será posible obter un dominio para dous anos por 15 euros. Esta nova campaña, que se fai en colaboración coa Real Academia Galega (RAG), inclúe tamén unha nova edición do concurso de microrrelatos no que participaron en 2018 máis de 400 persoas. Trátase dun exemplo máis no que combinamos a extensión do uso do .gal con accións de carácter cultural e participativo.

Na asociación somos perfectamente conscientes de que o prezo do dominio debería ser máis baixo. Iso non se discute. De feito, dende os inicios, foise reducindo pouco a pouco seguindo a norma de a máis dominios rexistrados, máis barato ten que ser o rexistro. A ecuación, sen embargo, non é sinxela. PuntoGal é unha organización pequena que aínda está empezando a crecer. Para nós é imposible compararnos co .com, por exemplo, que conta con millóns de dominios rexistrados en todo o mundo. PuntoGal ten que aboar anualmente cantidades relevantes á ICANN pola delegación do dominio, ademais de manter unha estructura técnica, de seguridade, legal e operativa.

Por ese motivo a única maneira de seguir baixando o prezo e contar con máis usuarios. En canto atravesemos a fronteira dos cinco mil dominios, seguramente será posible abordar un cambio de prezos.

En calquera caso, PuntoGal facilita sempre que as asociacións ou entidades sen ánimo de lucro poidan obter o dominio a un prezo máis axustado. Nese aspecto, asinamos de maneira habitual convenios con todo tipo de organizacións que, de maneira especial, poden conseguir ou renovar o dominio máis fácilmente. Un dos últimos que asinamos e que abre ademais un camiño para a realización de proxectos en distintos ámbitos, é precisamente o da AETG.

O espírito fundacional da asociación sinala ben ás claras que os beneficios obtidos da xestión do dominio deben destinarse, fundamentalmente, á realización de proxectos sociais. Aí é onde se unen as dúas almas do dominio. Nas xuntanzas periódicas da directiva analízanse as opcións, dentro das nosas capacidades, e apróbanse as iniciativas que se farán durante os seguintes meses. Esta é, sen dúbida, unha das partes máis enriquecedoras do dominio.

Outra delas é a nosa participación nos foros relacionados coa rede. Aínda que non o dicimos tan a miúdo como tal vez deberiamos, PuntoGal participa da organización que dirixe a rede a nivel mundial, a ICANN (www.icann.org). O dominio ten voz nun organismo a nivel internacional no que se sentan gobernos, grandes corporacións e rexistros como o .gal. A internet galega está no mapa global grazas, en parte, a ter un dominio propio e ter capacidade de intervir dentro do seu organismo xestor. No pasado mes de outubro, PuntoGal participou na 63 reunión anual de ICANN, celebrada por primeira vez no Estado, en Barcelona. Ademais de estar presente nas distintas xuntanzas e foros de debate, a asociación contou cun stand onde informamos sobre a nosa comunidade, a nosa lingua e as iniciativas tecnolóxicas que se fan no país.

        PuntoGal forma parte tamén dende principios de 2018 da asociación de dominios xeográficos, culturais e locais, o Geotld Group (http://geotld.group), que se reúne varias veces ao ano para compartir iniciativas en distintos ámbitos (marketing, comercial, políticas de dominio) pero tamén para dar a coñecer entre os seus membros iniciativas ou proxectos relacionados coa tecnoloxía que se fan nos ámbitos locais ou rexionais. Nas xuntanzas do grupo fálase habitualmente da Smart City, de software libre ou de administración electrónica.

Tanto no ámbito da proposta de proxectos como no da utilización das ferramentas de participación no ámbito da comunidade, PuntoGal está sempre receptivo para recibir propostas de colaboración. Nestes cinco anos de funcionamento mantivemos sempre o mesmo eslogan, no que cremos firmemente: O dominio é voso.

Darío Janeiro

Director xeral de PuntoGal

http://www.aetg.gal/sites/default/files/documents/ANosaRede.pdf