Durante a  súa 36ª reunión internacional pública  celebrada esta semana  en Seúl, a ICANN deu un paso histórico no mundo de Internet coa aprobación dunha vía rápida para incorporar os caracteres non latinos aos dominios de código de país. Porén,  ten un importante asunto pendente: o inicio do proceso de creación de novos dominios xenéricos de primeiro nivel.

A ICANN explicou os detalles da última versión da guía para solicitantes  de dominios, publicada a primeiros de outubro,  cuns requisitos máis estritos que as versións anteriores e que, no caso de disputas entre candidaturas de dominios similares, favorece ás que servirán a comunidades determinadas. Aínda que a este documento supón un pequeno avance no programa , a ICANN quere atar cabos antes de pór en marcha o proceso, e asegurarse de que a chegada de novos dominios non vai ameazar a seguridade de Internet con actividades maliciosas como a ciberocupación e o “phishing”. A principal causa do atraso nos calendarios provisionais é a protección dos propietarios de marcas. Un grupo de traballo creado pola ICANN para tratar este asunto concreto xa publicou unha serie de informes coas medidas a desenvolver para asegurar esa  protección, medidas que non acaban de convencer aos representantes das marcas. Presións para axilizar o proceso e novas propostas No foro público, unha representación de PuntoGal presente no evento instou á ICANN e á comunidade de Internet en xeral a  iniciar o programa coa maior brevidade posible para non prexudicar as iniciativas que, como o .gal, levan varios anos traballando nos seus proxectos, agardando poder enviar a súa solicitude. Neste sentido houbo unha total unanimidade no encontro, con numerosos comentarios  a favor da axilización do proceso e o establecemento de prazos reais, para poder planificar así o traballo a realizar. Diversas iniciativas, incluída o PuntoGal, presentaron unha proposta común para avanzar no proceso: abrir unha primeira porta  para todos aqueles proxectos que xa teñen os deberes feitos, coa candidatura a punto. A directiva de ICANN, atendendo as propostas presentadas nesta reunión, decidiu estudar un sistema que lle permita axilizar no tempo o proceso de apertura de novos dominios. Boa acollida dos dominios culturais e lingüísticos

Na súas intervencións, PuntoGal salientou que os dominios de tipo cultural e lingüístico non  supoñen obstáculos para a seguridade da rede nin para a protección de marcas,  como ten demostrado o  dominio .cat – para a comunidade cultural e lingüística catalá- ,que en máis de tres anos de funcionamento apenas presentou problemas deste tipo, ao establecer as medidas adecuadas para previr posibles ameazas. Tras falar con membros de diversos comités da ICANN, PuntoGal comprobou que se está consolidando a boa imaxe dos dominios lingüísticos e culturais, en concreto das iniciativas europeas coas  que PuntoGal está a traballar conxuntamente para adquirir máis forza ante a ICANN. O novo presidente da ICANN, Rod Beckstrom, coñeceu persoalmente da man de representantes de PuntoGal o proxecto para crear un dominio para a cultura e lingua galega na rede, e animounos a  seguir traballando para a consecución do seu obxectivo.