Artigo publicado no portal de Galicia Ciencia o 14 de setembro de 2020

A cuarta edición dos Premios Spin-Off PuntoGal xa ten xurado designado para valorar as candidaturas das empresas e grupos de investigación que participan nestes galardóns. Entre as persoas elixidas para formar parte do xurado se atopan as investigadoras María José Rodríguez Malmierca, Edita de Lorenzo e Sonia Martínez Arca, ademais da CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín, e o xefe de servizo de Planificación e Estruturación Universitaria da Xunta, Faustino Infante Roura. Eles serán os responsables de escoller aos gañadores nas tres categorías dos premios: Selo de Calidade, Idea Emerxente e Grupos de Investigación.

Ante a demanda de diversas empresas e grupos interesados en participar nestes galardóns, a organización decidiu prolongar o prazo de presentación de candidaturas ata as 23:59 do próximo 30 de setembro. Deste xeito haberá tempo suficiente para que todos os interesados podan terminar de aportar a documentación precisa para participar nestes premios.

Nesta edición os premios contarán cun xurado no que estarán presentes mulleres moi destacadas do mundo da investigación científica en Galicia e tamén cun papel destacado na creación de empresas innovadoras. María José Rodríguez Malmierca é responsable da Área de E-learning e Colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia dende 1999. Carme Pampín é unha das fundadoras e actual CEO da empresa Galchimia, referente internacional en química orgánica.

Pola súa banda, Edita de Lorenzo é profesora na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e autora de numerosas publicacións científicas. Sonia Martínez Arca liderou a posta en marcha de Axencia de Coñecemento en Saúde (Acis) e actualmente é a directora da empresa Sigillum Knowledge Solutions. Faustino Infante Roura e funcionario do Corpo Superior Facultativo de Arqueólogos da Xunta e Xefe de Servizo de Planificación e Estruturación Universitaria da Administración galega.

Dominio PuntoGal e o portal  GCiencia colaboran na edición destes galardóns que recoñecen as mellores e máis innovadoras iniciativas empresariais xurdidas no ámbito das tres universidades galegas. A convocatoria é  herdeira dos Premios Galicia Spin-Off, que en anos anteriores xa premiaron a destacados proxectos empresariais realizados en Galicia.

O obxectivo é o de recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. A Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e Gadis colaboran nestes galardóns.

No apartado Selo de Calidade recoñecerase á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado Imatia, Galchimia ou Innolact.

As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán recoñecidas no apartado Idea Emerxente. Noutras edicións dos premios acadaron este galardón compañias coma Situm, All Genetics e HG Beyond.

Na edición deste ano introdúcese unha novidade coa nova categoría que recoñecerá o traballo dun grupo de investigación dependente dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste premio, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas.

As empresas ou grupos de investigación interesados en participar nas dúas últimas categorías poderán enviar a súa candidatura á dirección de correo electrónico spinoffgalicia@gmail.com, ou ben no formulario dispoñible na seguinte ligazón https://i.gal/gCIfQ.

Xa que os premios teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das Universidades como motor da investigación no país, o xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número coma en xerarquía.

xurado realizará as súas deliberacións durante o mes de outubro e os finalistas e gañadores nas diversas categorías se darán a coñecer a finais dese mes. O acto de entrega de premios celebrárase antes de que finalice o ano nunha das principais cidades galegas.

O Dominio PuntoGal, no marco do seu programa corporativo de apoio a iniciativas de interese para Galicia, asóciase a Gciencia como co-organizador e patrocinador principal duns galardóns que levarán dende agora o seu nome, como mostra clara do seu compromiso co proxecto. O obxectivo do dominio é recoñecer o traballo realizado nas Universidades públicas galegas no ámbito da investigación e a innovación, así como a súa aportación ao tecido económico do país. Nesa liña, xunto coas categorías xa existentes de anteriores edicións, apostou por engadir unha nova de Grupo de investigación, ademais de reforzar algúns criterios na concesión dos premios como a utilización do galego ou a presenza de mulleres nos grupos ou empresas candidatas. PuntoGal, con máis de 5.400 dominios rexistrados, é patrocinador oficial das seleccións galegas de fútbol gaélico.

GCiencia é un xornal dixital envorcado ao fomento do coñecemento científico e tecnolóxico entre un público xeralista. Con ata 5,5 millóns de visitas e 400.000 visitantes únicos mensuais, reúne a unha comunidade de máis de 80.000 persoas en redes sociais. O proxecto conta con numerosos galardóns, entre eles o Prismas 2019 ao Mellor Novo Medio, o galardón máis prestixioso á divulgación científica de España.