15 de maio de 2020 I Os presidentes da Asociación PuntoGal, Manuel González González e do Clúster da Comunicación de Galicia, Xosé Luis Reza, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal o Clúster se compromete a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión. Ademais, e grazas a este acordo, os socios do Clúster poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático, dada a situación de confinamento provocada pola crise do Covid-19.

PuntoGal e o Clúster

PuntoGal, que supera os cinco mil dominios rexistrados, vai continuar a promover este tipo de convenios “que afianzan o uso do dominio nos ámbitos empresariais e da comunicación, que constitúen o fundamento desde o que se constrúen as marcas e a internacionalización das empresas de Galicia”, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro.

PuntoGal forma parte do Clúster da comunicación de Galicia e patrocina os premios Paraugas, ademais de participar activamente noutras actividades da asociación empresarial.

Para Janeiro “é clara a vinculación que queremos establecer coas empresas que, arredor da vinculación co territorio e a cultura, forxan as marcas que aportan prosperidade e levan o nome de Galicia aos mercados internacionais”.

Pola súa banda, Xosé Luis Reza quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “nos coloca no mundo e permite ás nosas empresas asinar os seus sitios indicando a súa orixe. Algo tan importante neste momento onde dende todos os estamentos debemos concienciar sobre o consumo en clave galega”. Reza tamén salientou que “PuntoGal é un partner estratéxico para este Clúster que engloba, entre outros, a todo o sector do marketing dixital de Galicia. De ahí a importancia deste convenio para ámbalas partes”.

O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que as asociadas e asociados do Clúster poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.