20 de outubro de 2020 I As presidentas da Asociación PuntoGal, Manuel González González e da Asociación Galega de Deseño (DAG), Irene García Reyes, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a DAG se compromete a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión. Ademais, e grazas a este acordo, as asociadas poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático.

PuntoGal e a DAG

PuntoGal, que supera os cinco mil cincocentos dominios rexistrados, vai continuar a promover este tipo de convenios fundamentalmente “en proxectos asociativos relacionados coa cultura e a tecnoloxía, eixos centrais da nosa actuación, que como a DAG, contribúen ao desenvolvemento de proxectos de repercusión global”, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro.

Para Janeiro “os deseñadores e os estudos de deseño representan un papel central na internet galega, nun momento no que non hai proxecto cultural ou comercial que se poida manter desconectado. Para facilitar o seu traballo, as asociadas obteñen dominios a un prezo máis reducido, co obxectivo de propagar o seu uso o máximo posible”.

Pola súa banda, Irene García quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “afonda nas relacións entre asociacións con obxectivos comúns, na procura de visibilidade e nunha clara aposta polo valor do noso”. García tamén salientou que “un dos obxectivos da DAG é crear canles de comunicación novas que fomenten as vantaxes para asociadas» e que «a sinatura deste convenio amplía tamén as oportunidades para chegar a máis profesionais”.

O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que as asociadas da DAG poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.