Santiago, 14 de xullo de 2020.- O Dominio PuntoGal e o portal  GCiencia veñen de convocar a cuarta edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que recoñecen as mellores e máis innovadoras iniciativas empresariais xurdidas no ámbito das tres universidades galegas. Estes galardóns son herdeiros dos Premios Galicia Spin-Off, que en anos anteriores xa premiaron a destacados proxectos empresariais realizados en Galicia. As empresas interesadas en participar poderán presentar as súas candidaturas ata o próximo 15 de setembro.

Nesta nova edición, os premios recoñecerán a labor desenvolvida polas empresas e os grupos de investigación das universidades galegas en tres apartados diferentes. O obxectivo é o de recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. A Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e Gadis colaboran nestes galardóns.

No apartado Selo de Calidade recoñecerase á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado compañías coma Imatia, Galchimia ou Innolact.

As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán recoñecidas no apartado Idea Emerxente. Noutras edicións dos premios acadaron este galardón compañías tan destacadas coma Situm, All Genetics e HG Beyond.

Nova categoría

Na edición deste ano introdúcese unha novidade coa nova categoría que recoñecerá o traballo dun grupo de investigación dependente dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste premio, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas.

As empresas ou grupos de investigación interesados en participar nas dúas últimas categorías poderán enviar a súa candidatura á dirección de correo electrónico spinoffgalicia@gmail.com, ou ben no formulario dispoñible na seguinte ligazón https://i.gal/gCIfQ.

Xa que os premios teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das Universidades como motor da investigación no país, o xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número coma en xerarquía.

O xurado

O xurado estará integrado por representantes de PuntoGal e de GCiencia e por  autoridades do mundo universitario, institucional e empresarial. Os finalistas e gañadores nas distintas categorías se darán a coñecer antes do 30 de outubro e o acto de entrega de premios celebrárase nos últimos meses de 2020.

A evolución das distintas fases do Premio iranse detallando no portal GCiencia, dentro da sección “Spin-Off PuntoGal”. Nesa sección recolleranse todas as noticias que xurdan en relación con estes Premios e coas empresas nadas no ámbito das universidades galegas. As bases dos premios están publicadas no portal GCiencia e na páxina de PuntoGal.

O Dominio PuntoGal, no marco do seu programa corporativo de apoio a iniciativas de interese para Galicia, asóciase a Gciencia como co-organizador e patrocinador principal duns galardóns que levarán dende agora o seu nome, como mostra clara do seu compromiso co proxecto. O obxectivo do dominio é recoñecer o traballo realizado nas Universidades públicas galegas no ámbito da investigación e a innovación, así como a súa aportación ao tecido económico do país. Nesa liña, xunto coas categorías xa existentes de anteriores edicións, apostou por engadir unha nova de Grupo de investigación, ademais de reforzar algúns criterios na concesión dos premios como a utilización do galego ou a presenza de mulleres nos grupos ou empresas candidatas. PuntoGal, con máis de 5.400 dominios rexistrados, é patrocinador oficial das seleccións galegas de fútbol gaélico.

GCiencia é un xornal dixital envorcado ao fomento do coñecemento científico e tecnolóxico entre un público xeralista. Con ata 5,5 millóns de visitas e 400.000 visitantes únicos mensuais, reúne a unha comunidade de máis de 80.000 persoas en redes sociais. O proxecto conta con numerosos galardóns, entre eles o Prismas 2019 ao Mellor Novo Medio, o galardón máis prestixioso á divulgación científica de España.

Contacto prensa: prensa@dominio.gal

Formulario de inscrición: https://i.gal/gCIfQ

Bases do concurso: https://i.gal/eNSgU

Ampliación da información: www.dominio.gal / www.gciencia.com

Mail contacto empresas e grupos: spinoffgalicia@gmail.com