A Coruña, 22 de abril.- Mañá, día 23 de abril celébrase o Día do Libro. A festa celebrouse por primeira vez baixo os auspicios da UNESCO en 1995 coa idea de fomentar a lectura, a edición e publicación impresas e os dereitos de autor. A data coincide co finamento de dous dos grandes autores da literatura universal, Miguel de Cervantes e William Shakespeare.

Para celebrar este día ofrecémosvos unha serie de recursos en liña onde podedes atopar lecturas para estes días de confinamento pola crise do coronavirus.

Unha primeira recomendación é a plataforma Galicia Le, galiciale.gal, que é a plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura. Dende hai unhas semanas, o acceso aos catálogos de lectura desta plataforma é posible aínda non tendo carné de biblioteca, así podes rexistrarte e coas chaves recibidas, acceder igualmente a eBiblio Galicia e ao Catálogo galego.

O pasado mes de marzo, o noso compañeiro Henrique Neira, publicou na revista de Código Cero un recopilatorio de cómo atopar libros en galego en internet. Nela hai dende webs onde atopar libros en galego como outros recursos con publicacións na nosa lingua, bibliotecas virtuais, libros e soportes, etc.

Outra das webs que nos ofrecen recursos onde atopar libros en galego é a páxina de MAOS (www.maos.gal)  onde hai unha listaxe con recursos en galego e portugués. Ou a editorial Baia Edicións que dispón de libros para descargar mentres dure a pandemia.

Tamén nas redes sociais pódense atopar iniciativas como a de Xerais, que convidou aos autores e ás autoras a ler a primeira páxina dun dos seus libros. Así tedes por exemplo a Érica Esmorís, Ramón Nicolás e Elena Gallego.

Non so de recursos de lectura está chea a rede, senón tamén de Clubs de Lectura Virtuais onde os usuarios comentan as súas impresións sobre as obras que están a ler. Entre eles podedes atopar o Club de Lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña, Ciberclub.

Ligazóns de interese:

https://www.galiciale.gal/

http://cbug.gal/

http://culturagalega.gal/lg3/lg3_todas.php

http://consellodacultura.gal/publicacions-dixitais/index.php

https://www.aelg.gal/

https://axendacultural.aelg.gal/2020/04/20/club-literario-arredor-de-diario-dun-enterro-de-gonzalo-hermo/

www.cumio.gal

xerais.gal

alvarelloseditora.gal

editorialgalaxia.gal

https://baiaedicions.gal/

Libros contados en galego:

http://kalandraka.tv/gl/index.php