A Coruña, 23 de xaneiro de 2019.- Asociación PuntoGal en colaboración con Kiko da Silva e Gadis, presentou o pasado mes de decembro, co gallo do Culturgal un concurso de banda deseñada.

PuntoGal e o debuxante de banda deseñada Kiko da Silva organizaron un concurso para pequenos e grandes durante a feira das industrias culturais. O ilustrador preparou unha historia na que faltan os diálogos, protagonizada pola súa personaxe Mario O bolseiro.

O xurado formado polo propio Kiko da Silva e membros da Asociación PuntoGal escolleron como gañadora a Suevia Cividanes, que levará como agasallo unha tablet, unha caixa de experiencias e o seguinte lote de publicacións: O inferno do debuxante, Que contan as ovellas para durmir, Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis e A viñeta de Schröedinger. Tamén recibirá merchandising de Gadis e PuntoGal e un dominio .gal gratuíto.

 O segundo premio, que é para Samuel Rodríguez, leva unha caixa de experiencia, un lote de libros da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético, merchandising de Gadis e PuntoGal e un dominio .gal gratuíto .

Finalmente, o premio especial para menores de idade é para Mateo López, que leva un lector de libros Kindle, un lote de libros de literatura infantil e xuvenil e merchandising de Gadis e PuntoGal.

O resto dos participantes entraron no sorteo doutra tablet, e resultou gañador Carlos López.

Noraboa ós/ás gañadores/as!