PUNTOGAL, AGASOL E DINAHOSTING PROMOVEN ESTE NOVO SERVIZO

 

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2017.- PuntoGal, Agasol e Dinahosting poñen en marcha, este 26 de xullo, i.gal, o acurtador galego de URLs. O novo servizo que posibilita codificar calquera enderezo web facéndoo máis pequeno e manexable para enviar, compartir, publicar ou memorizar. O servizo permite, igualmente, personalizar as palabras que forman parte da URL resultante, de xeito que sexa máis sinxela a súa utilización posterior.

A iniciativa forma parte da colaboración que mantén PuntoGal con Dinahosting  á que se une a Asociación Galega de Software Libre (Agasol), entidade que tamén forma parte da asociación e que ven colaborando co dominio dende os seus inicios. A ferramenta lánzase para celebrar conxuntamente o Día de Galicia e dentro da política das tres organizacións de prestar servizos de valor engadido no ámbito da rede galega. Recentemente, PuntoGal e Dinahosting puxeron en marcha tamén Velaqui.gal, un sistema que permite o intercambio de arquivos de ata 2Gb de maneira gratuíta.

A saída de i.gal (www.i.gal) coincide no tempo coa promoción de PuntoGal que permite rexistrar dominios novos por un máximo de 25 euros máis IVE ata o día 31 de xullo. Os rexistradores acollidos a esta rebaixa de prezos son os seguintes: Arsys, CdMon, Dinahosting, Entorno Digital, Nominalia, Host Europe e OVH. A información completa sobre esta acción pode atoparse no enderezo dominio.gal/promo25xullo.

A promoción acompáñase da creatividade desenvolvida especialmente para o dominio por Rei Zentolo, socio de PuntoGal, con motivo do primeiro aniversario do dominio, en 2015. O deseño, que se pode ver tanto na web como nas redes sociais, é unha homenaxe á revista Nós realizada con imaxes de inspiración tecnolóxica.

PuntoGal conta, a día de hoxe, con máis de 4.100 dominios rexistrados. A asociación agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.