Quen non está na rede, non existe. É esta unha afirmación algo esaxerada pero que cada vez se aproxima máis á realidade. Nun mundo hiperconectado, ter presenza en Internet non constitúe unha opción, senón que é unha necesida-de. En Galicia temos, ademais, a vantaxe de contar cun dominio propio, o .GAL, que permite identificar a unha páxina web coa nosa lingua, a nosa cultura e a nosa sociedade. Cinco anos despois do seu lanzamento, o número de dominios achégase xa aos 5.000. Día a día vanse sumando máis administracións públicas, entidades, empresas e particulares. O dominio ten bloqueados os nomes dos concellos galegos para que poidan ser rexistrados por eles en calquera momento.

A Asociación PuntoGal, creada no ano 2006, constituíuse para sacar adiante este ambicioso proxecto: que Galicia tivera un nome propio na internet global. Un identificador único,diferencial. A iniciativa foi apoiada maioritariamente pola sociedade galega, incluíndo todos os partidos políticos e o Parlamento, que aprobou unha resolución unánime no seu favor. Máis de cen entidades e miles de persoas asinaron polo PuntoGal.

O dominio foi aprobado por parte de ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers) en novembro de 2013. Dende ese momento e tras nu-merosas probas técnicas sucedéronse os fitos mais importantes da fase de lanza-mento: en maio de 2014, co gallo do Día das Letras Galegas, actívase a primeira páxina web: www.dominio.gal (a páxina do propio rexistro). Posteriormente comeza a fase de dominios pioneiros (entre os que se atopa a propia Fegamp e algúns concellos) que fixo posible que o 25 de xullo houbera mais de 90 dominios activos. A fase de lanzamento remata o día 2 de decembro de 2014, cando se abre totalmente o dominio ao rexistro por parte da cidadanía en xeral. Dende esa data funciona coma o resto de dominios TLD (Top Level Domains) en internet.

O  dominio nace para a promoción e difusión da cultura, lingua e da sociedade galega, polo que o uso do sufixo .gal fai que unha páxina se identifique co país de xeito inmediato, contribuíndo así a espa-llar a imaxe de Galicia na rede de redes. Neste momento os galegos contamos con mais de 4800 dominios. A previsión de PuntoGal é acabar este 2018 na fronteira dos cinco mil rexistros. O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, sinala que o obxectivo da en-tidade é “seguir crecendo para darlle cada vez máis visibilidade a Galicia na rede, pero tamén para que PuntoGal teña cada vez máis presenza social a través da organización de actividades e a posta en marcha de iniciativas no ámbito cultural, lingüístico e tecnolóxico”. Neste sentido, lembra o lanzamento de servizos como “o acurtador de enderezos (i.gal), o sistema de envío de arquivos pesados (velaqui. gal) e outras accións celebradas neste 2018 como o concurso de relatos en colaboración coa Real Academia Galega, a campaña de promoción do libro galego ou as campañas e acordos sectoriais con asociacións ou colexios profesionais”.

Os concellos galegos teñen rexistrados 236 dominios que pertencen a 157 concellos (unhas 160 páxinas entre o nome e concellodexxx.gal) e uns 76 máis para festas locais, portais de transparencia ou actividades desenvolvidas polos concellos. Dada a importancia de manter a súa denominación e evitar un uso non axeitado, a xestora do dominio reservou os nomes das administracións municipais dándolle a relevancia que merecen aos concellos como escaparate de Galicia. O incremento en dominios rexistrados e activación das web municipais baixo o dominio .GAL é constante ano tras ano pero aínda quedan moitos concellos (155) por unirse. Cun dominio .GAL as entidades públicas galegas e, polo tanto, a poboación que representan, poderán ser identificados nas redes como pertencentes á comunidade galega, podendo ser así atopadas dun xeito mais preciso e directo. Así mesmo, todos os portais ligados coa administración, como as de trámites administrativos en liña, portais de transparencia, información turística, etc., son relevantes e fanlle mais rápida e sinxela a vida aos cidadáns.

O dominio .GAL acollerá con certeza no futuro non só aos nomes dos concellos, senón tamén a aquelas marcas, imaxes e lugares que os identifican. E estarán tamén máis festas gastronómicas, patronais, etnográficas ou de promoción dos produtos do noso país. A vinculación dun dominio .GAL coa festa do queixo, da empanada, do viño, do marisco, etc., fará que sexan máis doadas de atopar na rede polo que a súa difusión será moito mais rápida, axudando deste xeito a promoción turística e nas pescudas de visitantes aos concellos e os seus lugares turísticos de interese.

Puntogal considera fundamental que as entidades mu-nicipais e provinciais rexistren tamén os nomes do noso patrimonio artístico cultural material e inmaterial, os seus lugares emblemáticos, aquelas construcións que nos definen como país, sen esquecer as casas berce das nosas máis ilustres mentes: escritores, historiadores, etc. Deste xeito promoverase a cultura galega, facéndoa máis accesible.

PuntoGal ten na web www.dominio.gal toda a información relacionada co rexistro de dominios e na páxina www.asociacion.gal o detalle concreto sobre as actividades realizadas pola asociación. Alí tamén se poden ver novas relacionadas coas promocións para distintos colectivos e facilitar así o rexistro de nomes a cada vez máis colectivos. .GAL traballa con preto de 40 empresas rexistradoras que ofrecen, ademais, diferentes servizos e valores engadidos. Todas elas están accesibles a través da web de PuntoGal. Para máis información, pódese enviar un correo electrónico con calquera dúbida ou pregunta a info@dominio.gal. Finalmente, a asociación estará este ano, como xa é habitual, no Culturgal de Pontevedra no mes de decembro. Na súa caseta será posible tamén obter información e axuda para rexistrar nomes.

A asociación anima aos concellos, como sempre, a sumarse a este proxecto e lembra o seu slogan dende os inicios: O dominio é voso.

http://fegamp.gal/sites/default/files/documentos/cg32outono2018web.pdf