A Coruña, 22 de abril de 2019.-  Jessica Rodríguez Sánchez, veciña de Visantoña (Mesía) de 35 anos, Óscar Fernández Freire, coruñés de 17 anos, e Claudia Martínez Asenjo, compostelá de 11 anos, son as persoas gañadoras dos tres primeiros premios, nas modalidades de adultos, xuvenil e infantil, do II Concurso de microrrelatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal. O xurado, reunido este mediodía na sede da RAG, escolleunos entre as case 500 propostas recibidas xunto a outros seis microrrelatos distinguidos cos segundos e os terceiros premios, asinados por amantes da escrita de todas as idades.

A Real Academia Galega e PuntoGal convocaron por segundo ano o concurso de microrrelatos, aberto a textos de ata 200 palabras, co obxectivo reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e académico Manuel González; a escritora e académica correspondente Mercedes Queixas Zas; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista e coordinadora de Luzes, Valeria Pereiras, conformaron o xurado que avaliou os relatos presentados ao certame, case un cento máis que na primeira edición.

A psicóloga e logopedista Jessica Rodríguez Sánchez fíxose co primeiro premio na modalidade de adultos cun relato de 85 palabras titulado “A fiestra”. O mellor texto na modalidade xuvenil foi para “Cacería nocturna”, de Óscar Fernández Freire, alumno de primeiro de bacharelato do Colexio Eirís da Coruña; e o primeiro premio de infantil mereceuno Claudia Martínez Asenjo, alumna de sexto de primaria no CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela co relato “O valor dos nomes”.

Na modalidade de adultos, o segundo premio foi para “A primeira palabra”, un texto presentado pola química e divulgadora científica Ángela Arnosa Prieto, veciña de Naraío (San Sadurniño) de 22 anos; e o terceiro foi para “Black Friday”, de Eduardo Cameselle Iglesias, vigués de 75 anos e enxeñeiro técnico xubilado.