Acordo por 7.680 millóns de dólares

  O fabricante estadounidense de microprocesadores Intel chegou a un acordo coa compañía de antivirus McAfee por 7.680 millóns de dólares en efectivo, uns 5.964 millóns de euros, informan Reuters e Europa Press.
Intel pagará 48 dólares en efectivo por cada acción de McAfee, o que representa unha prima do 60% respecto ao prezo de peche das súas accións do día de onte. Os consellos de administración das dúas empresas apoiaron de xeito unánime o acordo, que se pechará tras recibir as oportunas autorizacións por parte dos reguladores e dos accionistas de McAfee, empresa que se convertirá nunha filial da división de software e servizos de Intel. “Coa rápida expansión do crecemento a través dun amplo abanico de servizos interconectados na rede, cada vez máis e máis elementos das nosas vidas se desenvolven de xeito on-line”, dixo o presidente e conselleiro delegado de Intel, Paul Otellini. O directivo salientou que, se no pasado foron a eficiencia enerxética e a conectividade as que definiron os requisitos da industria, “a partires de agora a seguridade unirase a eles como un terceiro alicerce do que o público pide”.

Así, a multinacional Intel destacou que a adquisición de McAfee representa o seguinte paso na estratexia da empresa e supón o socio en seguridade adecuado para Intel.