Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2018 – Máis de 300 micro-relatos recibidos e máis de 200 dominios rexistrados. Ese é o balance da campaña Identidade Galega promovida durante o mes de febreiro por PuntoGal e a Real Academia Galega (RAG). O xurado traballa xa na lectura e selección dos relatos gañadores, que se darán a coñecer nos vindeiros días. As entidades organizadoras amosan a súa satisfacción pola resposta e a participación da campaña, que superou con moito as espectativas iniciais.

Os relatos gañadores recibirán distintos agasallos tecnolóxicos, entre os que figuran un iPad, unha cámara GoPro, un Kindle e un disco duro, ademais de lotes de libros e suscripcións á revista Luzes, quen publicará unha escolma dos mellores relatos. Os premiados terán tamén un dominio .gal, da súa elección, por un ano de forma gratuíta. Os agasallos están xa nas oficinas de PuntoGal, dende onde serán enviados ós gañadores.
A baixada de prezos do mes de febreiro, onde dous anos de dominio .gal custaban 15€+ive, tivo igualmente unha boa acollida. Nesta ocasión rexistráronse máis de 200 dominios. Neste momento, o dominio .GAL conta con máis de 4.700 rexistros, incluíndo tamén os últimos rexistros da campaña que ten actualmente en marcha Dinahosting, onde o seu prezo para un ano é tan só de 0,99 euros + IVE ata fin de existencias.