Santiago de Compostela, 25 de maio do 2020.- O pasado venres día 22 de maio, celebrouse vía online, propiciada pola crise do coronavirus a charla co título “Desafío 2030: Conectar Galicia ao mundo rexido polos datos”. Este acto organizado pola AETG está enmarcado no plan de accións de difusión de 2020 para a posta en marcha de actividades para o fomento da Sociedade da Información, coa colaboración da Amtega. No acto participaron o presidente de PuntoGal, Manuel González e Julio Sánchez Agrelo, presidente AETG/decano COETG

Houbo varos temas que se trataron, entre eles a grande importancia que van ter os datos no futuro e que xa están tendo no presente. Tanto Julio S.Agrelo como Manuel González estiveron de acordo que os datos son a materia prima do futuro e que a dixitalización da sociedade é un factor salientable a ter en conta.

Julio S. Agrelo indicou que “é importante dispoñer de boas coumunicacións” xa que “é a forma de poñer en valor a nosa materia prima” e que “Galicia ten unha oportunidade social nesta era” facendo fincapé en que en Galicia contamos con un centro de Supercomputación, o CESGA, e que Galicia é unha potencia en estudos de Analytics e temas de Ciber-seguridade.

En canto ao galego na rede, Manuel González, destacou que o galego ten máis presenza na rede da que lle correspondería polo número de falantes. Así mesmo indicou que o galego está a poñerse ao día, incorporando novos termos que teñen que ver coa realidade actual, así ven de incorporar ao dicionario da lingua galega termos que xurdiron durante a pandemia como coronavirus, webinario, etc. Nestes últimos meses as consultas diarias ao dicionario online da Real Academia estiveron entre as 110.000 e as 130.000. Deste xeito incidiu no feito de que hai que facer un “esforzo grande para fornecer contidos en galego na rede, somos unha lingua con vitalidade”.

Para ámbolos presidentes, parece que non hai esforzo suficiente para desenvolver TICs en galego, e que faría falta unha maior implicación dos poderes políticos. A rede é unha mistura de voz, imaxe e lingua escrita, polo que non hai que perder isto de vista. Para Manuel González sería importante que ao facer unha consulta en galego na Internet as respostas a esas consultas estiveran en galego.

Outro dos temas tratados tivo que ver coa educación e as carreiras Stem. Para os presidente habería que actualizar o sistema. Para Julio S.Agrelo sería importante ter unha formación baseada na investigación, onde se fomente que os rapaces e as rapazas accedan á tecnoloxía a través de novas técnicas. Manolo González incidiu que habería inculcar a ídea de que “sen ciencia non hai futuro” e que farían falta novos contidos e recursos e facer que os propios formadores dominaran novos medios tecnolóxicos e telemáticos.

Na rolda de preguntas, destaocouse o feito de que sería importante traer aos tecnólogos da diáspora, máis non se dan as situacións propicias. Para eles debería ser prioritario do goberno do país traer a materia gris, o que para Manuel González sería a “idea estratéxica do futuro”. A intervención completa pódese ver na seguinte ligazón: https://youtu.be/raGY6n9BtwU