Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2017.– PuntoGal conta dende o pasado mes de xuño cun novo Director xeral, Darío Janeiro, quen forma parte do proxecto dende os seus inicios e ata a data ocupaba o posto de Secretario na directiva da asociación. A anterior Directora, Edita de Lorenzo, quen deixou o cargo por motivos laborais, mantense na directiva da asociación ocupando agora ela o posto de Secretaria que deixou vacante Darío Janeiro. Ambos os dous, co resto da directiva e o seu presidente, seguirán traballando na mesma liña que se viña facendo ata agora.

Reproducimos a continuación o artigo publicado por Código Cero, con motivo do seu 15º aniversario, onde o novo director expón as liñas de traballo da Asociación nos vindeiros meses.

Todos os puntogal

Cada dominio rexistrado ten unha historia detrás. E todas importan. Puntogal superou os catro mil o pasado mes de maio. Un deles é museodopobo.gal, institución que dende os inicios apoiou decididamente este proxecto e que en 2017 cumpre corenta anos de vida (Parabéns). Outro é bretemas.gal, o blog onde lemos as notas de edición de Manuel Bragado, moitas veces encabezadas polo seu xa clásico e numerado Onte. Ou dinahosting.gal, o rexistrador galego que sempre está aí cando o precisamos. Con eles acabamos de poñer en marcha Velaqui.gal, un servizo de intercambio de arquivos que forma parte do espírito do dominio de crear valor engadido na internet galega.

Ese é o combustible de Puntogal. A nosa enerxía. Cando vemos a furgoneta dun autonómo rotulada co .gal, cando un particular utiliza o dominio para o correo electrónico ou cando unha empresa ou institución fai publicidade da súa marca nos medios, este proxecto cobra máis sentido. Somos todos os puntogal. Un proxecto sostido por unha asociación sen ánimo de lucro da que forman parte 115 socios, todos distintos e todos dispostos a apoiar esta pequena loucura. En xuño cumpríronse catro anos dende que a ICANN, o organismo internacional que xestiona os nomes de rexistros en todo o mundo, aprobou o dominio para Galicia. Era un 14 de xuño. Ese día chegouse por fin á meta dunha carreira que comezou coa constitución da asociación no Auditorio de Santiago de Compostela o 10, tamén de xuño, de 2006. Entón foron doce os socios iniciais que elixiron unha primeira directiva co obxectivo de lanzar a candidatura do .gal.

No camiño houbo moitas reunións, moitos documentos, moitos momentos complicados, moitas veces nas que o proxecto estaba pendente dun pequeno fío. Pero tamén momentos nos que algo saía ben e había que celebralo. Por exemplo, conseguir que todas as sensiblidades políticas do país apoiasen a Puntogal. Ou conseguir introducir algunhas das nosas demandas nun complexo comité da ICANN. Para a nosa pequeña historia quedou gravada aquela longa noite de 2012 na que, nun pequeno despacho en Santiago onde non faltaba café do malo, démoslle os derradeiros retoques á candidatura. Aquelas horas de tensión, revisando documentos e comprobando que os datos estaban correctamente gravados na plataforma de ICANN, tiveron o seu froito. O momento liberador de premer aquel botón de Enviar aínda o lembramos de cando en vez como unha batalliña ó estilo das que lles contan os avós aos seus netos.

Pero esta andaina ten moitos nomes propios -elas e eles saben quen son- que axudaron no pasado, axudan hoxe e axudarán no futuro a que o dominio siga crecendo. Nomes propios ós que lles debemos gratitude. E hai tamén unha directiva e un presidente que lle dedican o seu tempo libre a pensar unha nova promoción, a revisar unhas creatividades dunha campaña, a preparar o Culturgal, a representar ó dominio nun día festivo ou a organizar unha acción conxunta coa Fundación Rosalía de Castro.

Puntogal ten moito traballo por diante. Entre os seus obxectivos segue estando, como prioridade, aumentar o número de dominios rexistrados. Isto permitirá baixar máis o prezo de venta. Catro mil rexistros é unha cifra importante porque cada usuario o é tamén individualmente e porque a taxa de renovacións do rexistro é alta. Iso demostra compromiso co proxecto. Sen embargo, os custes fixos de manter o servizo non son pequenos -nós si o somos-, polo que temos que seguir loitando para acadar un prezo máis competitivo. A iso axudan as nosas campañas sectoriais con colectivos concretos ou as xerais, como a que lanzaremos nos vindeiros días para celebrar, como cada ano, o 25 de xullo. Agora imos a polos cinco mil rexistros. E a tratar de manter unha baixa taxa de dominios en parking.

O outro obxectivo que nos marcamos é o da visibilidade: debemos conseguir que as empresas, as asociacións, os particulares e as institucións empreguen o seu dominio na comunicación pública, no día a día. A difusión e a normalización do uso aumentan os rexistros. O efecto multiplicador dun anuncio dunha empresa comprometida é moi relevante para Puntogal. Asemade, outra función do dominio ás veces menos coñecida é a de participar nas xuntanzas de ICANN, reunirse con outros dominios e traballar con empresas rexistradoras. A dimensión institucional de Puntogal permítenos estar nos foros onde se fala do futuro da Rede e axuda a situarnos no mapa da internet. Este outono, por exemplo, Puntogal será o anfitrión dunha xuntanza de dominios e rexistradores en Santiago de Compostela, onde se falarán de estratexias comúns e se planificará o traballo coas empresas rexistradoras dos vindeiros meses. Puntogal seguirá participando, igualmente, en iniciativas que vencellen a cultura e á lingua galega coa Rede, no ámbito das súas posibilidades. A medio prazo, o obxectivo é dedicarlle cada vez máis recursos a este tipo de actividades, que son as que xustifican o espírito social do dominio. Sempre hai cousas que mellorar. Sabemos que o crecemento é lento, aínda que constante. Pero, dende a humildade, estamos orgullosos de ter posto en pé este proxecto. Cremos nel. E imos seguir traballando para que se faga máis forte. Sen perder de vista o noso lema, que guía cada acción que poñemos en marcha: o dominio é voso.