Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2018.-  Dende esta semana xa é posible descargar a nova versión de Firefox en galego. O navegador pode utilizarse no noso idioma grazas á colaboración establecida entre PuntoGal e o proxecto Trasno. Froito do traballo do coordinador das traducións ao galego en Mozilla, Enrique Estévez, e do Proxecto Trasno, que agrupa aos tradutores ao galego de proxectos de software libre, PuntoGal propiciou a posta ao día das últimas versións do navegador (a v64 e a v65), tradución que manteñen os voluntarios da comunidade, para que poida ser utilizada en galego.

Deste xeito, recuperouse o 100% da interface, incluíndo parte das súas funcionalidades que ata agora non posible ter adaptadas aos galegofalantes, como a ferramenta DevTools. Obtívose unha memoria de tradución que será reutilizable publicamente, traduciuse o instalador para o sistema operativo Microsoft Windows, as páxinas informativas desta versión e fíxose a integración do corrector ortográfico de galego, tamén na súa última versión (a 18.04).

Da interface principal traducíronse 1.795 cadeas e 13.037 palabras en 102 ficheiros. Ademais, abordouse de maneira excepcional a tradución da mencionada ferramenta DevTools, fundamental para desenvolvedores, deseñadores ou webmasters. Neste caso foron 1.314 cadeas e 4.928 palabras en 40 ficheiros.

Os usuarios poden descargar o navegador dende os seguintes enderezos web: https://www.mozilla.org/gl/firefox/new/ ou https://www.mozilla.org/gl/firefox/all/ . A páxina de Mozilla en galego está en: https://www.mozilla.org/gl/ . Entre as funcionalidades desta nova versión pódese salientar que é un 30% máis lixeiro ou a posibilidade de illar lapelas de alto consumo.

O presidente de Trasno (http://www.trasno.gal), Antón Méixome, sinala que esta colaboración “é un modelo sinxelo e eficaz para soster a galeguización de maneira viable e actualizada con pleno respecto á comunidade de voluntarios”.

Pola súa parte, o presidente de PuntoGal, Manuel González, considera que iniciativas coma esta “son fundamentais para a normalización do galego, ao incorporar de novo a nosa lingua a un navegador de ampla implantación social e de carácter gratuíto”.

A presentación desta colaboración tivo lugar hai uns días na feira Culturgal en Pontevedra, onde a asociación también levou a cabo un concurso arredor da banda deseñada en colaboración con Kiko da Silva.  Segundo sinala o director de PuntoGal, Darío Janeiro, “nos vindeiros meses, o dominio activará máis colaboracións destas características con persoas e entidades vinculadas á rede e á cultura. Este tipo de iniciativas forman parte do noso ADN, polo que o obxectivo de PuntoGal é reforzar a súa liña de proxectos, ademais de seguir crecendo en número de dominios”.

Anteriormente, o dominio xa puxo en marcha un acurtador (i.gal) e un sistema de envío de arquivos (velaquí.gal) en colaboración coa dinahosting.