PUNTOGAL SUPERA OS DOUS MIL REXISTROS. A CAMPAÑA DE PROMOCIÓN DO MES DAS LETRAS ESTARÁ VIXENTE ATA O 31 DE MAIO

  A Xunta de Galicia aprobou o decreto que regula que a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet  será .gal tanto para webs como para os correos electrónicos. A administración galega estima en dous anos o tempo requerido para completar o proceso, que terá o dominio xunta.gal como punto central de acceso.
A  Asociación PuntoGal valora moi positivamente esta decisión e considera que axuda a fortalecer o dominio, dándolle un apoio importante xusto na semana na que acaban de superarse os dous mil nomes rexistrados. Dende que no 2006 a Asociación PuntoGal puxo en marcha o proceso de consecución do .gal, moitas foron as institucións, as empresas e os cidadáns que contribuíron para poder acadar esta marca distintiva da cultura e sociedade galega na rede. PuntoGal está celebrando o Día das Letras e o Día das Telecomunicacións e Internet cunha rebaixa no prezo de máis dun 50%. Nos rexistradores sumados a esta acción, as persoas interesadas poderán obter o seu .gal por un prezo máximo de 25 euros máis IVE ata o día 31 deste mes.  Para poder utilizar a promoción, os interesados deben dirixirse ós seguintes rexistradores: Dinahosting, 101Domain, Entorno Digital, Soluciones Corporativas IP,Host Europe, Arsys, CDMon, Nominalia e 1&1 Internet. O dominio habilitou unha páxina con toda a información ó respecto en www.dominio.gal/promomaio . O dominio PuntoGal, xestionado por unha asociación sen ánimo de lucro co mesmo nome, ten previsto o reinvestimento dos beneficios que consiga unha vez consolidado o dominio en programas de promoción da lingua e a rede en Galicia. PuntoGal agradece o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.