O dominio PuntoGal e a revista dixital VINTE convocan un concurso de creación audiovisual en Instagram. Co título “Vinte con outros ollos”, a iniciativa consiste na creación dunha peza de vídeo inferior a 1 minuto na que cada participante mostre a realidade exterior cunha ollada distinta a como a vía antes da crise do coronavirus. Haberá cinco premios: un agasallo tecnolóxico e 4 bonos de compra en librarías independentes, un xesto de apoio ao sector cultural. Cinco creadores novos compoñen o xurado. O prazo para participar remata o 31 de maio.

A Coruña, 14 de maio de 2020.- As rúas, os parques, os montes, a praia, as corredoiras… estivemos tanto tempo sen eles que agora vai ser inevitable velos doutra maneira. Tamén a xente querida e as pequenas cousas que faciamos antes do confinamento. Conforme imos regresando á nova normalidade, a realidade que temos diante mudou e a nosa forma de mirar tamén. Con esta premisa Punto Gal e a revista VINTE volven colaborar para incentivar a creación en galego na rede, desta vez premiando vídeos inéditos que se publiquen en Instagram entre o días 14 e 31 de maio co respondendo a esta temática e usando o cancelo #VinteConOutrosOllos.

Encargarase de valorar a calidade das pezas un xurado composto por 5 creadores galegos de nova xeración: o escritor Jesús Castro Yáñez, a música Elba Souto, o cineasta David Fidalgo Omil, a comunicadora Andrea Villa Feijóo e a actriz Cris Iglesias. Cada un deles preparou un vídeo contribuíndo a esta nova ollada e que servirá de exemplo e inspiración para todas as persoas que queiran participar.

O concurso está dirixido a calquera persoa maior de idade, usuaria de Instagram, que queira participar publicando na súa conta desta rede social un vídeo non superior a un minuto que se axuste á temática, que utilice o galego nos textos que acompañen a publicación e que use o cancelo #VinteConOutrosOllos. Para completar o proceso de participación haberá que cubrir este formulario.

Haberá cinco premios para os mellores vídeos. O primeiro premio consistirá nunha cámara GoPro de última xeración e cada un dos 4 finalistas recibirá un bono de 100€ para usar nunha destas catro librarías colaboradoras, todas elas con tenda online: NUMAX (Santiago de Compostela), Librería Trama (Lugo), Airadasletras (Allariz) e Libraría Paz (Pontevedra). As persoas gañadoras daranse a coñecer na primeira quincena do mes de xuño.

Acompañamos con esta nota un presskit cos seguintes materiais:

  • Bases de participación
  • Imaxe do concurso
  • Fotos do xurado