Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2017.- A Asociación de Enxeñeiros en Telecomunicación de Galicia (AETG) e PuntoGal ampliaron as súas accións de colaboración coa sinatura dun convenio que lles posibilitará obter aos enxeñeiros e enxeñeiras asociados un importante desconto na adquisición de dominios. Ao mesmo tempo, o documento desenvolve o patrocinio que PuntoGal realizou o pasado setembro da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que organiza o COETG-AETG. Este é o segundo ano consecutivo no que PuntoGal participa deste evento, celebrado nesta edición na cidade da Coruña.

O convenio entre PuntoGal e máis a AETG permitiralle aos enxeñeiros e enxeñeiras  asociados un desconto no rexistro dos dominios .gal, cunha rebaixa moi vantaxosa sobre o prezo de venda actual. Para iso, PuntoGal habilitoulle á AETG unha serie de códigos de desconto que poderán ser validados a través das empresas rexistradoras que se uniron á promoción: Dinahosting, Entorno Digital, Don Dominio e CdMon. A propia AETG será a encargada de xestionar e distribuír os códigos entre os  asociados e asociadas interesados.

Esta acción enmárcase na colaboración institucional que existe dende a creación do dominio entre ambas institucións e no marco do plan de PuntoGal para incentivar o uso do dominio entre colectivos representativos da sociedade galega.

A AETG, que celebra este mesmo ano o seu 25 aniversario, conta con preto de 600  asociados e ten por obxecto contribuír ao desenvolvemento e progreso da Comunidade Autónoma de Galicia a traveso da difusión e potenciación das telecomunicacións. PuntoGal é unha asociación creada en 2006 por 115 entidades de tódolos sectores da sociedade galega e que se dedica a xestión do domino .gal, que actualmente conta con máis de 4.300 dominios rexistrados.

O dominio agracede como sempre o apoio da sociedade galega. O dominio é voso.