Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2019.- PuntoGal acudirá por sexto ano consecutivo á Feira das Industrias Culturais, Culturgal, que se celebra entre os días 29 de novembro e 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. O dominio, que ocupará o stand 53, cumpre en decembro 5 anos da apertura da fase aberta, momento no que calquera cidadán, entidade ou empresa puido adquirir por fin, de maneira libre, un dominio .GAL. Para conmemoralo, PuntoGal lanza unha campaña de promoción, entre os días 1 e 10 de decembro, no que se pode mercar un novo dominio por un ano a un prezo máximo de 10 euros +  IVE, nos rexistradores acollidos á promoción.

O stand de PuntoGal na feira, cita á que asiste de maneira ininterrompida dende hai seis anos, foi renovado para a ocasión cun deseño máis moderno e máis aberto para facilitar a tarefa de informar sobre o dominio ao público asistente. Como en ocasións anteriores, a asociación contou co apoio de Gadis para a súa realización, quen ademais ofrecerá distintos agasallos a quen visite o espazo. Tamén haberá merchandising do propio dominio.

Ademais, froito do acordo de colaboración que están desenvolvendo en distintos ámbitos, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia tamén terá participación no stand de PuntoGal. En concreto, preparouse unha actividade para achegar as novas tecnoloxías aos máis novos consistente na montaxe dun equipo de Realidade Virtual sobre a historia das telecomunicacións e a profesión do enxeñeiro de telecomunicación. Este equipo de Realidade Virtual ofrece ao usuario unha experiencia inmersiva que permite interactuar en diferentes fitos históricos nos cales as telecomunicacións xogaron un papel moi importante. Esta actividade súmase a outras realizadas conxuntamente co Colexio, como a colaboración na WordCamp deste ano ou o patrocinio de PuntoGal á Noite Galega das Telecomunicacións.

Promoción 5 anos de dominio .GAL

O 2 de decembro de 2014 presentouse nun acto na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo a fase aberta do dominio .GAL. Aquel acto significou o lanzamento da fase final do dominio, na que xa calquera persoa a título individual ou as entidades e empresas podían adquirir dominios de forma libre. Foi a conclusión dun longo proceso que se iniciara coa constitución da entidade xestora do dominio no ano 2006. Hoxe PuntoGal conta con máis de 5.100 dominios rexistrados e un programa corporativo en crecemento para apoiar iniciativas nos ámbitos da cultura, a lingua e as TIC en Galicia.

Unha desas iniciativas é o patrocinio dos premios Paraugas de marketing que organiza cada ano o Clúster da Comunicación de Galicia. A súa gala de entrega celébrase este mesmo venres pola tarde en Ourense e PuntoGal estará alí dándolle nome aos galardóns das categorías de márketing dixital.

Para celebrar o aniversario, o domino lanza unha campaña entre os días 1 e 10 de decembro. Durante ese período, e nos rexistradores acollidos á promoción, o prezo máximo da compra dun dominio será de 10 euros + IVE. Os rexistradores que colaboran na promoción son Core, CdMon, Dinahosting, Don Dominio, Nominalia, Hosting Concepts Openprovider y Ovh.com. Para máis información, é necesario consultar a páxina http://dominio.gal/promocions/.

Vémonos en Culturgal!

PuntoGal é patrocinador das seleccións galegas de fútbol gaélico. Máis información en www.gaelicogalego.gal.