Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2016.- Baixo o lema Celebremos a Nosa Identidade, PuntoGal conmemora a festa do 25 de xullo co lanzamento dun Documento Galego de Identidade na rede, un agasallo especial para quen entre na web www.dominio.gal. Os usuarios poderán personalizalo, descargalo e compartilo nas redes sociais. Como parte desta campaña, os dominios .gal ofreceranse a menos de 20 euros (máis IVE) nos rexistradores acollidos á promoción. Finalmente, a asociación estrea nova páxina corporativa, que poderá visitarse en www.asociacion.gal.

A rebaixa no prezo dos dominios estará vixente entre o 25 de xullo e o 7 de agosto nos seguintes rexistradores: 101Domain, Arsys, CdMon, Dinahosting, DonDominio, Host Europe e OVH. Toda a información sobre cada un destas empresas rexistradoras así como do prezo final para o rexistro dun novo dominio pódese atopar en www.dominio.gal/promocions/25dexullo/.

PuntoGal porá tamén a disposición de quen entre na súa web un agasallo moi especial: a obtención do Documento Galego de Identidade (DGI). Quen visite a páxina web poderá conseguir o seu propio DGI personalizado, descargalo e compartilo nas redes sociais. Con esta acción lúdica, a asociación quere resaltar e visibilizar o orgullo de ser galego e de dispor dun dominio propio en internet como o .gal.

A asociación conclúe tamén nesta data o proceso de renovación das súas páxinas web. En www.asociación.gal pódese atopar dende agora información sobre a asociación que sustenta o dominio dende os seus inicios. Os usuarios poderán consultar a nosa historia, os momentos máis relevantes do proceso, a listaxe de entidades asociadas ou os dominios pioneiros. Dispón tamén dunha intranet para a comunicación coas entidades asociadas. O obxectivo é que a páxina sexa o novo punto de encontro para quen queira coñecer ou apoiar o proxecto.