Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2017.- O Museo do Pobo Galego cumpre o vindeiro 29 de outubro corenta anos de vida. Para celebrar este aniversario, PuntoGal fará unha oferta no prezo dos dominios durante a primeira quincena do mes de novembro, durante a cal divulgará na súa web e nas redes sociais as actividades que realice o Museo, ademais de repasar os principais servizos e fitos históricos do centro museístico. Os termos desta colaboración están recollidos no convenio asinado esta mañá entre ambas entidades en Santiago de Compostela.

         O documento asinado entre os presidentes de ambas institucións recolle que PuntoGal realizará unha promoción especial para o público en xeral durante a primeira quincena de novembro co gallo do corenta aniversario do Museo do Pobo. Esta iniciativa supón que o prezo dos dominios baixe ata os 25 euros + ive. Nos vindeiros días darase máis información na páxina www.dominio.gal sobre as condicións e os rexistradores asociados. Igualmente, PuntoGal realizará outra oferta para a compra de dominios para todos os socios e socias do Museo, que recibirán en breve información detallada sobre esta acción nunha comunicación persoal.

         Ademais dos descontos conmemorativos, PuntoGal aproveitará a ocasión para difundir polas súas vías de comunicación habituais –webs, redes sociais, boletíns- as actividades que realice o Museo durante este tempo, así como para lembrar os momentos máis relevantes da historia dun dos buques insignia museísticos galegos que ocupa o antigo mosteiro de San Domingos de Bonaval.

O presidente do padroado do Museo, Justo Beramendi, salientou que “a sinatura deste convenio sintoniza á perfección coa razón de ser do museo que é fortalecer as raíces sociais da identidade propia de Galicia”. Manifestou tamén a súa satisfacción porque este novo paso no camiño común das dúas entidades veña sumarse ás demais actividades de celebración do corenta aniversario.

Pola súa banda, o presidente de PuntoGal, Manuel González, sinalou que o Museo do Pobo “é o símbolo de preservación da nosa cultura espiritual e material, fundamento da nosa identidade, da nosa maneira de ver o mundo e mesmo de moitos elementos que caracterizan a nosa lingua”. O dominio PuntoGal, engadiu, “ten como función fundamental o reforzamento da nosa identidade como pobo na sociedade do futuro. O Museo e o dominio son, pois, dous esteos fundamentais, distintos pero complementarios, para visibilizar a nosa personalidade no pasado e no futuro”.

González quixo aproveitar a ocasión para darlle os parabéns ao Museo “por estes 40 anos de servizo xeneroso a Galicia, e coa sinatura deste convenio queremos salientar a importancia da colaboración das nosas institucións para profundizar na cohesión social do noso pobo, visibilizar os nosos sinais de identidade, poñer en valor a cultura propia e aumentar a autoestima da nosa xente”.

O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, dixo que a colaboración entre ambas entidades é unha máis das iniciativas que está realizando PuntoGal con distintas organizacións e colectivos para dar a coñecer e aumentar o número de dominios .gal, que xa superan neste momento os 4.100 rexistros. Janeiro quixo manifestar o seu agradecemento “polo apoio constante, dende o primeiro momento, do Museo do Pobo a este proxecto común”, lembrando que o Museo “formou parte do grupo de dominios do programa de pioneiros” e que “sempre participan das actividades da asociación de maneira construtiva e activa. Non hai mellor forma de agradecerllo que apoialo e difundir o seu valioso traballo durante este aniversario”.

O Padroado do Museo do Pobo Galego naceu en 1976 por iniciativa da sociedade civil, como un compromiso colectivo coa realidade galega e polo empeño na normalización cultural do país. O obxectivo fundamental era a creación do Museo do Pobo Galego, que abriu as súas portas o 29 de outubro de 1977 no antigo convento de San Domingos de Bonaval.

O Padroado do Museo do Pobo Galego é unha asociación privada sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública, que se sostén coas achegas dos seus membros, de institucións públicas e de entidades privadas e dos seus socios e socias.