Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2020.- PuntoGal colabora coa Global Game Jam HobbyPont, o evento de creación de videoxogos que se celebra por vez primeira en Galicia entre o 31 de xaneiro e o 2 de febreiro. A Casa Azul de Pontevedra acollerá este certame, organizado por SPA-cc, unha empresa orientada a creación de contidos dixitais, e apoiado por diversas institucións e entidades. O HobbyPont é un evento mundial, con case dez anos de historia, que move arredor de 400.000 persoas en máis de 800 localizacións repartidas nuns 100 países.

Os participantes terán que desenvolver e crear, no prazo de 48 horas, un videoxogo baixo un tema común. Nas normas indícase que on teñen porque ser proxectos acabados, poden ser prototipos para desenvolver no futuro de xeito alleo á Jam. O perfil dos participantes inscritos é moi variado; en Pontevedra reuniranse programadores, deseñadores gráficos, ilustradores, animadores e músicos. Na HobbyPont GGJ terán a oportunidade non só de explorar o proceso de desenvolvemento do proxecto, senón tamén de traballar sobre programación, deseño, narrativa e expresión artística.

Segundo os organizadores, o evento é unha boa maneira de coñecer xente nova e gañar confianza e oportunidades dentro da comunidade dos videoxogos, tanto a nivel creativo como profesional. O espírito do evento non é competitivo, xa que se fomenta a colaboración antes que a competición, ao tempo que se favorece a xeración de confianza e de igualdade de oportunidades entre os participantes.

Nesta edición haberá tamén un espazo KidCode para os menores de idade con interese na creación de videoxogos nun entorno adaptado a eles.

Máis información sobre o evento aquí.

PuntoGal apoia o evento como parte da área de proxectos institucionais apoiados dende o dominio.