A Coruña, 10 de maio 2019.- PuntoGal súmase este ano aos apadriñamentos do Festival de Cans, que celebra a súa décimo sexta edición nesta aldea do Porriño entre o 22 e o 25 de maio. O dominio apadriñará o Jalpón de Alicia, onde os visitantes poderán ver curtametraxes e obter un pequeno agasallo do dominio. Un total de 15 curtometraxes competirán na sección oficial de ficción e animación deste ano.

Ademais, ExtraCans permitirá ver obras de distintos lugares do mundo, dende Francia a Estados Unidos, pasando por Armenia. A programación do festival inclúe máis de 150 obras audiovisuais e 40 actividades, entre as que destacan os concertos, os coloquios e as experiencias gastronómicas. Este ano estarán en Cans, entre outros, o Gran Wyoming, Leonor Watling, Rodrigo Sorogoyen ou Carlos Blanco.

O Jalpón de Alicia está situado no lateral do Torreiro, espazo central do festival, e no acceso do Espazo Estrella Galicia, onde teñen lugar concertos e os coloquios. Nel proxectaranse de forma ininterrompida curtametraxes fóra de concurso, entre outras actividades.

O dominio sorterará igualmente un pack de 2 entradas e 2 camisolas para o festival nas súas redes sociais. PuntoGal publicará un chío promocionando o festival. As persoas interesadas deberán rechouchiar ese tuit e seguir á conta @punto_gal. Esta acción terá lugar entre os días 13 e 15 de maio.

O patrocinio do festival de Cans forma parte da área social de PuntoGal, que apoia iniciativas e actividades relacionadas coa lingua, a cultura e as novas tecnoloxías en Galicia. O dominio, que superou xa os 5.100 rexistros, realizará ademais en breve unha promoción co gallo do Día das Letras Galegas.