A Coruña, 8 de febreiro 2019.- PuntoGal colaborará por segundo ano consecutivo como patrocinador da FIRST LEGO League Galicia, que é un torneo clasificatorio da FIRST LEGO League, que terá lugar o próximo 16 de febreiro no auditorio de Ferrol. A FIRST LEGO League, firstlegoleague.gal, é un programa internacional que promove a ciencia e a tecnoloxía entre mozos e mozas de 10 a 16 anos, a través dun desafío que os equipos deben resolver. Este evento vense desenvolvendo hai cinco anos pola Universidade da Coruña entre as cidades de Ferrol e A Coruña. No desafío deste ano INTO ORBIT os equipos da FIRST LEGO League Galicia viaxarán ao espazo. Os equipos realizan un proxecto científico, participan na Competición de Robots con Lego Mindstorms e comparten a información aprendida. Máis de 285.000 mozos de máis de 80 países amosan a través destes proxectos ós adultos que necesitan aprender e de que maneira queren aprender. Dentro da competición tamén hai un apartado para os máis pequenos, a FIRST LEGO League Junior, onde nenos de 6 a 9 anos presentan un proxecto científico e programan un robot. PuntoGal asinou un convenio de colaboración e patrocinio coa Universidade da Coruña para repaldar o evento, que forma parte da área de proxectos institucionais apoiados dende o dominio. Esperámosvos alí!