Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2020.- O dominio PuntoGal colabora a partir deste mes de xaneiro con Vinte apoiando a sección Vinte na rede, un espazo para observar os distintos fenómenos creativos que se producen na internet galega. De maneira quincenal, a revista publicará pezas dedicadas aos creadores e creadoras de contidos en plataformas como páxinas web, Youtube, Twitter, Instagram ou Tiktok.

VINTE é unha revista e plataforma de contido multimedia vinculada ao xornal Praza.gal e dirixida a un público de entre 20 e 45 anos. Naceu a finais de 2018 coa vocación de ser “a revista para a Galicia dos anos 20” e os seus contidos traballan con texto, imaxe e audiovisual para ofrecer unha visión fresca do que pasa en Galicia en cuestións de sociedade, cultura e tendencias. Os seus contidos distribúense a través da web vinte.praza.gal e dos seus perfís en Instagran, Facebook, Twitter e Youtube.

 VINTE na rede é un espazo para observar os distintos fenómenos creativos que se producen na internet galega. Cada día son moitos os creadores e creadoras de contido que de maneira máis ou menos consciente, elaborada ou espontánea, individual ou colectiva, anónima ou de autor, producen cada día canles de Youtube, fíos de Twitter, memes, stories en Instagram ou vídeos de Tiktok. Da man de PuntoGal VINTE quere axudarlle ao público a descubrir e comprender estes fenómenos, moitas veces fugaces, analizándoos con calma e dándolles contexto.

 VINTE na rede parte da constatación de que hai moito contido dixital en galego creado polos usuarios que pode chegar e de feito chega a moita xente. hai moitas persoas, sobre todo novas, dispostas a compartir estes contidos, entrar na conversa e crear comunidade sobre os máis diversos temas na nosa lingua. O que busca este espazo é amplificar o impacto destas conversas para levalas a un público máis amplo, e para visibilizar e fomentar a diversidade do contido dixital en galego.

Esta actvidade forma parte da acción social do dominio PuntoGal, que ten como obxectivo visibilizar e apoiar iniciativas no ámbito da cultura, a lingua ou a tecnoloxía en Galicia. Con máis de 5.200 dominios rexistrados, a colaboración con Vinte súmase a outras realizas polo dominio como, entre outras, o patrocinio do festival de Cans, das seleccións galegas de fútbol gaélico, da First Lego League, a WordCamp de Pontevedra, a organización de certame de relatos en colaboración coa RAG ou o apoio a distintas iniciativas do Clúster da Comunicación de Galicia.

A primeira peza froito desta colaboración publicarase este venres e tratará o fenómeno das contas fóra de contexto, onde se mistura a creatividade e o humor.