Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2020.- O dominio PuntoGal seguirá colaborando ata finais de ano con Vinte apoiando a sección Vinte na rede, un espazo para observar os distintos fenómenos creativos que se producen na internet galega. De maneira quincenal, a revista publicará pezas dedicadas aos creadores e creadoras de contidos en plataformas como páxinas web, Youtube, Twitter, Instagram ou Tiktok.

Esta actividade forma parte da acción social do dominio PuntoGal, que ten como obxectivo visibilizar e apoiar iniciativas no ámbito da cultura, a lingua ou a tecnoloxía en Galicia. Con máis de 5.400 dominios rexistrados, a colaboración con Vinte súmase a outras realizas polo dominio como, entre outras, o patrocinio do festival de Cans, das seleccións galegas de fútbol gaélico, da First Lego League, a WordCamp de Pontevedra, a organización de certame de relatos en colaboración coa RAG ou o apoio a distintas iniciativas do Clúster da Comunicación de Galicia, como Compra do Noso.