24 de novembro de 2020 As presidentas da Asociación PuntoGal, Manuel González González e de In.Xurga, Ana María Castro Martínez, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a In.Xurga comprométese a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión. Ademais, e grazas a este acordo, as asociadas poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático. PuntoGal e a DAG PuntoGal, que supera os cinco mil cincocentos dominios rexistrados, vai continuar a promover convenios “que contribúen a normalizar o lugar na sociedade das persoas con discapacidade e dependencia, posibilitando a súa integración comunitaria e dotándoas de ferramentas para o seu desenvolvemento integral”, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro. Para Janeiro “apoiar o traballo asociativo e en defensa de colectivos coma o que promove In.Xurga é unha das finalidades de PuntoGal, facilitando o desenvolvemento da súa presenza en rede e seu coñecemento tanto polo público en xeral coma polos suxeitos da súa atención”. Pola súa banda, Ana Castro quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “promove a nosa lingua entre as persoas con discapacidade e en situación de dependencia”. Castro tamén salientou que “é unha obriga facer accesibles os formatos para que todas as persoas podan achegarse á información en igualdade. In.Xurga ven a utilizar o galego na web, redes sociais, documentos, eventos e no seu funcionamento diario. Co dominio PuntoGal afiánzase ese uso e faise visible a nosa lingua no colectivo co que traballamos”. O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que as asociadas de In.Xurga poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.