A Coruña, 31 de xaneiro de 2019.- PuntoGal e o Ilustre Colexio de Avogados da Coruña (ICACOR), asinaron hoxe un acordo para derivar á mediación a resolución de posibles conflitos entre os seus rexistrantes. O convenio visibiliza a colaboración existente entre ambas entidades e aposta por un modelo de mediación baseado na voluntariedade e a libre decisión das partes que, con axuda dun mediador, poden alcanzar por si mesmas a solución a unha controversia. PuntoGal utilizará para isto o Servizo de Mediación en asuntos civís e mercantís do Colexio, denominado ICACOR.MEDIA.

                                    O protocolo prevé que ICACOR.MEDIA se encargue da xestión e coordinación do procedemento de mediación así como de designar aos letrados mediadores entre os que estean dados de alta no seu Rexistro. Pola súa parte, PuntoGal promoverá as actuacións necesarias para incluír na súa política oficial de rexistro unha cláusula sobre derivación a mediación, de tal maneira que se simplifiquen os seus trámites e, na medida do posible, deixen aos procedementos xudiciais como última alternativa.

O convenio foi asinado polo decano do Colexio de Avogados da Coruña, Augusto José Pérez-Cepeda Vila, e o presidente de PuntoGal, Manuel González González.

O proceso de mediación incluirase nas políticas de rexistro dentro da lapela de documentos da web www.dominio.gal.