Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2017.– A Asociación PuntoGal acudirá por cuarto ano consecutivo á Feira das Industrias Culturais, Culturgal que se celebra entre os días 1 e 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Este ano conmemórase o décimo aniversario da feira que, entre outras novidades, acaba de incluir un Espazo de Arte Contemporánea, ampliando así a súa capacidade. Como en anos anteriores, PuntoGal contará cun stand, o número 99, onde se ofrecerá información sobre o dominio. A asociación conta este ano, ademáis, coa colaboración de Gadis. Os visitantes que se acheguen ao stand poderán obter distintos agasallos só con participar nas redes sociais. O procedemento é simple: facerse unha foto cunha cartela deseñada a tal efecto co slogan #subasoubaixes e subila a Instagram, Facebook ou Twitter. Ademáis, a revista Latamuda fará unha presentación da súa web latamuda.gal, páxina en galego especializada en arte contemporánea. Esta actuación forma parte dun convenio con Puntogal, que se engloba dentro das actuacións realizadas pola Asociación en colaboración con diferentes colectivos da sociedade galega. Este acto terá lugar o domingo, día 3 de decembro, ás 18:45 no Espazo Arte Contemporánea. PuntoGal chegou esta semana ós 4298 dominios rexistrados. O aumento dos últimos días débese á campaña lanzada polo dominio galego en colaboración con .eus e .cat con motivo do Black Friday. Agardamos a vosa visita no Culturgal!