Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2020.- O dominio PuntoGal forma dende este ano parte do Clúster da Comunicación de Galicia. O Clúster representa a cadea de valor da comunicación en Galicia: o márketing, a comunicación, a publicidade, o deseño, a edición, a impresión, etc. A intención da Asociación é abrir vieiros de cooperación dentro do grupo no ámbito do mundo tecnolóxico.

PuntoGal formará deste xeito parte desa representación do sector da comunicación no eido dixital, como representantes do dominio galego da Internet. Así mesmo PuntoGal xa patrocinou este ano os premios ao márketing dixital que conta con tres categorías: Premio Paraugas á mellor Estratexia Dixital, Premio Paraugas ao Mellor Proxecto de Negocio Dixital e Premio Paraugas ao Mellor Proxecto de Social Media.