A Coruña, 4 de abril de 2018.- Trinta e cinco palabras lle abondaron a Silvia Camesella Gesteira, natural de Nigrán, para facerse co primeiro premio do concurso de micro-relatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal, entidades que amosaron a súa satisfacción pola alta participación rexistrada e a calidade dos textos recibidos. O seu texto, titulado “Odio as mans frías”, foi o mellor valorado polo xurado na xuntanza mantida onte na sede da RAG. Héctor Cajaraville Araújo (Santiago de Compostela) foi recoñecido co segundo premio por “O milagre” e Ceres Serea Manso Acuña (Nigrán) conseguiu un terceiro premio con “Cousas que pasan”. Outros dous terceiros premios son para dous menores de idade: Nee Barros Fernández (Marín), de 15 anos, por “Desexo concedido”, e Teo Alonso Vidal (Vigo), de tan só 10 anos, por “Unha hora”.

O xurado, composto polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e académico Manuel González; a escritora e académica correspondente Helena Villar Janeiro; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a poeta, editora e membro do comité de redacción de Luzes Dores Tembrás, avaliou os case 400 relatos de ata 200 palabras que participaron no concurso convocado no marco dunha campaña para proxectar o galego en Internet. Os cinco gañadores impuxéronse nunha listaxe de 14 finalistas que completan “As liñas das túas mans”, “As verbas perdidas”, “Clase media 2.0”, “Babel II”, “Espiritismo”, “Lección de xeografía”, “Se non tivese medo”, “Ratos” e “A derrota”.

O primeiro premio consiste nun Ipad e unha cámara goPro, o segundo, nun Kindle e un disco duro externo e o terceiro, nun lote de libros e de mellores números de Luzes, un dominio gratuíto durante un ano e merchandising de PuntoGal, agasallos estes últimos que tamén recibirán os dous mellores relatos ademais dunha suscrición gratuíta por un ano á revista Luzes. Tanto os relatos gañadores como os demais finalistas serán publicados na revista Luzes.