Henrique Neira

Autor do libro ‘Historia da informática en Galicia. Unha cronoloxía’

Estamos preto de celebrar 25 anos de conexión a Internet desde Galicia, efeméride que conmemoraremos en febreiro de 2018, pois foi no mesmo mes de 1993 cando o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) se conectou por primeira vez coa rede de redes, abrindo así a porta de acceso a un novo mundo de intercambio de información ás universidades e entidades públicas a través do posterior despregamento da Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia para darlles servizo desde 1995.

O día 18 de xuño de 1993 o profesor Juan Antonio Garzón, da facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC), dentro das ‘Xornadas de informática e comunicacións en apoio da investigación’, invitou a Miguel Ángel Marquina e Ignacio Reguero do Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) de Xenebra, que fixeron unha demostración práctica da World Wide Web, poñendo en marcha o primeiro servidor de Galicia; a primeira páxina web galega que se creou nel era só unha lista ordenada de webs con algúns comentarios.

En novembro de 1994 anúnciase que a Televisión de Galicia empregou de xeito experimental a transmisión de datos por fibra óptica durante a emisión de especiais desde o Salón da Enerxía da Feira Internacional de Galicia en Silleda. No mesmo ano a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e a dirección de Telefónica na comunidade asinaron un convenio para iniciar nos hospitais de Ourense e Verín un proxecto de telemedicina polo que profesionais de medicina xeral poderían consultar telematicamente con especialistas a análise de radiografías, electrocardiogramas ou analíticas.

En 1997, a Xunta funda a empresa Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal) para xestionar a rede institucional coñecida como Autoestrada Galega da Información que lles dá servizo a centros da administración autonómica galega. Inicia as súas operacións en 1998, ocupándose da Rede Oficial de Comunicacións Móbiles, dos máis de 1.000 quilómetros da rede de banda larga de fibra óptica da Autoestrada Galega da Información e no futuro da Rede de Difusión de Televisión Dixital Terrestre Institucional. Neste último caso, a gran maioría do equipamento da rede foi fabricado e instalado por empresas galegas. En 1998 bota a andar o plan SIEGA da Xunta de Galicia, que contempla que todos os centros públicos de ensino primario da comunidade contasen con conexión a Internet no curso 2001/2002.

Navegador en galego

O 14 de abril de 1999 preséntase en Santiago o navegador de Internet XIS, o primeiro que incorpora a lingua galega, e o 30 de xuño anúnciase a posta en marcha do operador de cable galego, que terá como nome R. No ano 2000 ábrense as primeiras aulas en rede do Centro Multimedia de Galicia en Santiago. O 15 de maio de 2003 o CESGA estrea na súa sede o galNIX, Punto Neutro de Intercambio de Tráfico de Internet en Galicia.

En maio de 2007 anúnciase que un novo cable submarino transcontinental que despregarán Alcatel-Lucent e NEC para unir o sueste de Asia e os Estados Unidos terá amarre en Vigo. Para 2010 calculábase que o 90% do tráfico de Internet circula por unha complexa rede de cables terrestres e submarinos que mide uns 800.000 quilómetros.

O CESGA presenta o 30 de abril de 2013 a rede Recetga Nova, xestionada por esta entidade, e que coa tecnoloxía de fibra escura multiplica por 800 a capacidade de Recetga, a rede científica e tecnolóxica de Galicia: os 500 quilómetros de cable da rede conectan as cidades galegas entre elas e danlles acceso á RedIris-Nova estatal e ás redes académicas de Portugal e de investigación europea Géant. A capacidade de transmisión de datos é de 10 Gb por segundo, un ancho de banda 150.000 veces superior ó que estaba dispoñible cando o Cesga abriu as súas portas en 1993: naquel momento mover un Gb de datos supoñía 34 horas. Actualmente, conéctanse á rede cada día arredor de 90.000 persoas desde diversos centros de investigación e entidades públicas de Galicia.

O venres 16 de maio de 2014, véspera do Día das Letras Galegas e do Día de Internet, estréase o dominio galego .gal, coa posta en marcha da web www.dominio.gal. O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González González, e o da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, puxeron así o albaroque a sete anos de traballo nos que máis de 12.000 persoas e entidades apoiaron a iniciativa. O 25 de xullo puxéronse en marcha as webs das entidades que participaron na asociación desde o comezo e en decembro abriuse o rexistro a calquera que quixera dispoñer dun dominio .gal para unha web en galego ou sobre a lingua e a cultura galegas.

En 2016, último ano do que ten datos dispoñibles o Instituto Galego de Estatística, o número de persoas que navegaban por Internet en Galicia de xeito habitual superaba a cifra de 1,7 millóns.

O libro ‘Historia da informática en Galicia. Unha cronoloxía’ pode lerse en:

https://www.cpeig.gal/portal/system/files/107/2987/Libro_Historia_da_Informatica_en_Galicia.pdf