Para entidades oficiais e marcas

 A reserva de nomes cirílicos na zona de dominios .rf (en círilico) para entidades oficiais e propietarios de marcas comerciais comezou o día 25 de novembro, informou a RIA Novosti a xefa de mercadotecnia e relacións públicas do Centro Coordinador do Dominio Nacional de Internet, María Mókina.
Segundo Mókina, as solicitudes para rexistrar marcas comerciais tramitaranse polos 16 rexistradores de dominios acreditados na zona .rf , mentres o Centro Coordinador encargarase de reservar nomes de dominio para os organismos de Estado. O rexistro de dominios .rf en cirílico (polas siglas en ruso de “Federación de Rusia”) para as entidades oficiais será gratuíto durante o período do rexistro preferente. Desta forma, o pasado mércores inaugurouse o rexistro de dominios .rf en cirílico . Con todo, os nomes de dominio en cirílico veranse na Rede a partir de comezos do ano próximo, unha vez que o novo dominio estea delegado. O portavoz do rexistrador Ru-Center, Andréi Vorobióv, revelou a RIA Novosti que previamente propietarios de marcas comerciais presentaron máis de 4.000 solicitudes, pero que case a metade foron denegadas. Así mesmo, Vorobióv prometeu que Ru-Center poderá anunciar as marcas comerciais que sexan dadas de alta. O rexistro xeral de dominios cirílicos na zona .rf comezará o próximo 20 de abril de 2010. Durante un período inicial, realizarase a prezos elevados (estímase que durante o primeiro día do rexistro, o prezo dun dominio cirílico poderá alcanzar 10 millóns de rublos, ou uns 350.000 dólares americanos).